Nacida en 1911, Mercedes Núñez afíliase de nova ás Xuventudes Socialistas e no 1936, ano da súa creación, ao PSUC. Para o partido traballaría na sede da Pedrera e desenvolvería tamén labores administrativos no consulado de Chile cando Pablo Neruda estaba á súa fronte.
Mercedes Núñez |
Cando Barcelona está asediada polos golpistas, Mercedes foxe a Galicia, convencida de que as súas orixes serían o acaído acubillo para salvarse da represión. Trabúcase na decisión e en 1939 detéñena na rúa Real da Coruña, pasa polo cárcere de Betanzos e A Coruña até ingresar no madrileño penal de Ventas o 7 de marzo de 1940. Na súa condena consta a acusación de "axuda á rebelión".
Por un erro no procedemento, sae en liberdade o 19 de xaneiro de 1942 e promete non volver pisar un cárcere de Franco. Pero antes, Mercedes é novamente detida e comeza a terrible peregrinaxe que a levará ao campo de concentración de Ravensbrück, o terrorífico destino onde máis de cen mil mulleres pasaron os días peores da súa vida e unhas noventa mil atoparon alí a fin das súas biografías.
RAVENSBRÜCK |
En Ravensbrück Mercedes vive á beira da morte, intentando sobrevivir cada día ás duras condicións do campo nazi, ao terrorífico appel (horas interminables en posición de firmes á intemperie). Destinada a unha fábrica de armamento, Mercedes ten aínda forzas para sabotar o proceso de produción, coa idea de gañar terreo para unha guerra da que ela aínda se sente combatente.
A liberación colle a Mercedes Núñez na enfermaría, xusto nos días en que se prevía o seu traslado á cámara de gas. Lembra ela como moitos dos deportados agardaron ese día co último fío de vida para morrer en canto se sentiron liberados. Non foi o seu caso, Mercedes sae do horror nazi e, despois de pasar por varios sanatorios e centros de repouso, continúa o seu exilio en París.
Cámara de gas |
Sobre o terror do campo de Ravensbrück escribiría Mercedes Núñez o libro en catalán Els carretó dels gossos, un exemplo de literatura memorialística concentracionaria. O exilio de Mercedes só remata coa morte de Franco; é entón cando atravesa de novo a fronteira e vive primeiro dacabalo entre Barcelona e Galiza, para instalarse definitivamente en Vigo, onde pasaría os últimos anos da súa vida.
A loita de Mercedes é agora para que nunca máis se repita todo o que ela viviu. Aos poucos, tarefa súa será tamén ir recolectando os nomes dos galegos que estiveron nos campos de concentración. Morre en Vigo o 4 de agosto de 1986 sen conseguir que as institucións galegas recoñecesen o papel dos deportados pero despois de ter contribuído coma ninguén a que a verdade e a xustiza triunfasen sobre o exterminio que ela coñecera tan de cerca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario